¿Xa es usuario do servizo? Identifícate

PLAN GALICIA EMPREGA - XUNTA DE GALICIA

28/01/2022
A Consellería de Emprego e Igualdade publica a convocatoria para o ano 2022, programa I de incentivos á contratación por conta allea e á formación para empresa ordinaria.
 ORDE do 29 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras do Plan Galicia emprega de incentivos á contratación e á formación na empresa ordinaria, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (códigos de procedemento TR342C e TR342A).


Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras polas cales se rexerán as axudas que favorezan a contratación de persoas desempregadas na empresa ordinaria e especialmente daquelas que teñen maiores dificultades de inserción laboral establecidas pola Consellería de Emprego e Igualdade, coa finalidade de seguir paliando os prexuízos derivados dos efectos da pandemia provocada pola COVID-19 sobre o mercado de traballo, e proceder á súa convocatoria para o ano 2022 no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

A orde regula o Plan Galicia emprega de incentivos á contratación por conta allea, á formación e ao emprego con apoio a través de dous programas:

a) Programa I: incentivos á contratación por conta allea e á formación (código de procedemento TR342C).

Este programa ten, pola súa vez, dúas liñas: unha de incentivos á contratación por conta allea e outra de incentivos ás accións formativas no centro de traballo:

– Liña de incentivos á contratación por conta allea.

Inclúe catro tipos de axudas compatibles entre si, sempre que a persoa traballadora pola que se solicitan os incentivos non sexa a mesma:

1. Incentivos á contratación indefinida inicial, por medio do cal se proporcionará unha subvención para a contratación indefinida inicial de persoas desempregadas mozas, persoas desempregadas de longa duración, mulleres desempregadas e persoas desempregadas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social.

2. Incentivos á contratación temporal, por medio do cal se proporcionará unha subvención para a contratación temporal de persoas desempregadas mozas, persoas desempregadas de longa duración, mulleres desempregadas e persoas desempregadas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social.

3. Incentivos á transformación de contratos temporais en indefinidos só no caso das persoas mozas, mulleres e persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social.

4. Incentivos ao incremento de xornada das contratacións indefinidas iniciais a tempo parcial só no caso das persoas mozas, mulleres e persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social.

– Liña de incentivos ás accións formativas no cento de traballo (opcional).

Está dirixida ás persoas contratadas mediante contratación indefinida inicial e temporal por medio desta orde de convocatoria, para levar a cabo accións formativas que melloren os seus coñecementos e habilidades relacionados co posto de traballo.

b) Programa II: emprego con apoio (código de procedemento TR342A).

Consiste nun conxunto de actividades de orientación e acompañamento individualizado que prestan, no propio posto de traballo, persoas preparadoras laborais especializadas ás persoas traballadoras con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social, con especiais dificultades de inserción laboral e que realizan a súa actividade en empresas do mercado ordinario de traballo, en condicións similares ao resto dos traballadores e traballadoras que desempeñan postos de iguais características.

O prazo xeral para a presentación das solicitudes das axudas establecidas nesta orde comezará o día seguinte ao da súa publicación e rematará o 30 de setembro de 2022


 

<< Ver anterior    |    Ir ao listado    |    Ver seguinte >>