• Inicio
  • Novas
  • Convocatoria de dúas bolsas de formación práctica na Área de Estudos e Investigación e se procede á súa convocatoria para o ...

Convocatoria de dúas bolsas de formación práctica na Área de Estudos e Investigación e se procede á súa convocatoria para os anos 2025 a 2027 (código de procedemento TU981C)

14/05/2025
 Axencia de Turismo de Galicia

RESOLUCIÓN do 2 de maio de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de dúas bolsas de formación práctica na Área de Estudos e Investigación e se procede á súa convocatoria para os anos 2025 a 2027 (código de procedemento TU981C).

Obxecto e finalidade

Esta resolución ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e as condicións polas que se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a convocatoria de dúas bolsas de formación práctica especializada na Área de Estudos e Investigación da Axencia de Turismo de Galicia, para a realización de labores de investigación, tratamento e análise de datos en materia turística, coa seguinte distribución:

a) Unha bolsa relacionada co ámbito da ciencia de datos.

b) Unha bolsa relacionada co ámbito da comunicación de datos turísticos.

 

O lugar de realización das prácticas tuteladas destas bolsas será na sede da área, nas oficinas da Axencia de Turismo de Galicia (estrada Santiago-Noia, km 3, 15897 Santiago de Compostela).

Condicións e incompatibilidades

1. O obxectivo das bolsas é fomentar o perfeccionamento profesional das persoas bolseiras mediante a realización de prácticas formativas relacionadas co tratamento, análise e difusión de datos en materia turística, con suxeición ás indicacións do titor/a que lles será asignado/a ao comezo das súas prácticas.

2. As bolsas reguladas nesta resolución concederanse en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.

3. A persoa beneficiaria adquire exclusivamente a condición de bolseira, coas obrigas e dereitos dela e conforme estas bases, sen ningún outro vínculo laboral ou administrativo co órgano convocante.

4. A percepción destas bolsas é incompatible con calquera outra bolsa ou axuda financiada por calquera Administración, institucións ou entes públicos, así como con soldos ou salarios que impliquen vinculación contractual ou estatutaria da persoa interesada e coa percepción da prestación por desemprego.

5. A estas bolsas non lles será aplicable o Estatuto do persoal investigador en formación.

Duración, importe das bolsas e financiamento

1. O programa formativo desenvolverase ao longo dos anos 2025 a 2027, cunha duración máxima de 24 meses contados a partir da data de incorporación das persoas bolseiras que será, previsiblemente, o 1 de xullo de 2025.

2. A dotación económica de cada unha das bolsas será como se indica no seguinte cadro:

 

2025

2026

2027

Total

Suma das mensualidades

7.495,20 €

14.990,40 €

7.495,20 €

29.980,80 €

Seguridade Social

382,08 €

764,16 €

382,08 €

1.528,32 €

A Axencia de Turismo de Galicia financiará estas bolsas con cargo ás aplicacións orzamentarias 04.A2.761A.480.0 e 04.A2.761A.484.0, destinadas ao pagamento das retribucións e das cotas da Seguridade Social, respectivamente, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para os anos 2025 a 2027.

O importe total que se habilita para esta convocatoria ascende a 63.018,24 €, que se distribuirá do seguinte xeito: 59.961,60 €, que se imputarán á aplicación orzamentaria 04.A2.761A.480.0, e 3.056,64 €, que se imputarán á aplicación orzamentaria 04.A2.761A.484.0, e que se destinarán ao pagamento ás persoas bolseiras do importe da bolsa e das cotas patronais da Seguridade Social, respectivamente.

Dado que a data de incorporación das persoas bolseiras será, previsiblemente, o 1 de xullo de 2025, as cantidades distribuiranse do seguinte xeito:

Anualidade 2025:

04.A2.761A.480.0: 14.990,40 €.

04.A2.761A.484.0: 764,16 €.

Anualidade 2026:

04.A2.761A.480.0: 29.980,80 €.

04.A2.761A.484.0: 1.528,32 €.

Anualidade 2027:

04.A2.761A.480.0: 14.990,40 €.

04.A2.761A.484.0: 764,16 €.

3. En cumprimento do Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social (BOE núm. 259, do 27 de outubro), destinaranse 3.056,64 € en concepto de cotizacións á Seguridade Social por parte da Axencia de Turismo de Galicia por continxencias comúns e profesionais.

Persoas beneficiarias

1. Poden solicitar a concesión das bolsas as persoas que reúnan os seguintes requisitos, que deberán posuír no momento de rematar o prazo de presentación de solicitudes:

a) Nacionalidade: ter nacionalidade española ou ser nacional de calquera Estado membro da Unión Europea.

b) Titulación: estar en posesión, antes da finalización do prazo de presentación de solicitudes, dunha titulación superior (calquera). A persoa solicitante deberá estar en posesión do título ou acreditar o pagamento dos dereitos para a súa expedición ao rematar o prazo de presentación de solicitudes e ter rematados os estudos conducentes a el no ano 2020 ou posterior.

c) Idiomas: todas as persoas solicitantes deberán acreditar un coñecemento da lingua galega no nivel Celga 4, perfeccionamento ou título equivalente. Só se concederá validez ás titulacións ou aos cursos homologados polos órganos competentes en materia de política lingüística.

d) Non gozar na actualidade de calquera outra bolsa ou axuda, salvo o subsidio por desemprego ou a renda activa de inserción para desempregados.

e) Non ter emprego remunerado nin percibir a prestación por desemprego.

f) Non incorrer en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

g) Non incorrer en ningunha clase de inhabilitación para a obtención das axudas previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

h) Estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme ao artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ao artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En ningún caso poderán ser persoas beneficiarias destas bolsas aquelas persoas solicitantes que foran adxudicatarias delas en edicións anteriores. Quedarán tamén excluídas da convocatoria aquelas persoas solicitantes que foran adxudicatarias das bolsas en edicións anteriores e que renunciaran a elas durante o seu desenvolvemento.

Forma e lugar de presentación das solicitudes e das declaracións responsables

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Para estes efectos, enténdese que queda acreditado que as persoas solicitantes gozan do acceso e dispoñibilidade dos medios electrónicos necesarios por razón da súa capacidade técnica e dedicación profesional en virtude do artigo 14.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano competente requirirá o/a interesado/a para que a emende no prazo máximo e improrrogable de dez (10) días, e indicaralle que, se así non o fixer, se terá por desistido/a da súa solicitude, logo de resolución ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o derradeiro do mes.

4. No caso de que a persoa solicitante actuase por medio de representante, deberá acreditar a representación por calquera medio válido en dereito. Na sede electrónica está dispoñible un modelo xenérico de representación.

5. A persoa solicitante deberá declarar responsablemente, tal e como consta no anexo II:

a) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos.

b) Que non está incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

c) Que non está incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas no número 2 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) Que está ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Que se compromete a cumprir a normativa estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións.

f) Que se compromete a cumprir as obrigas e requisitos que se sinalan no artigo 18 das bases reguladoras.

g) Que non ten ingresos ou salarios que impliquen vinculación contractual ou estatutaria ou percepción de prestación por desemprego no momento da incorporación á bolsa.

h) Que non foi beneficiaria desta mesma bolsa de formación en edicións anteriores nin renunciou a ela con posterioridade á súa aceptación.

i) Se, en relación con outras axudas ou bolsas, se solicitou ou non, ou se recibiu ou non, outra/s axuda/s ou bolsa/s, para o mesmo período, procedentes das administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Bases: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250514/AnuncioG0256-050525-0001_gl.html

Máis información:

1. Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Axencia de Turismo de Galicia, a través dos seguintes medios:

a) Na páxina web oficial da Axencia de Turismo de Galicia: http://www.turismo.gal/canle-institucional/actualidade/taboleiro-de-anuncios

b) No teléfono 881 99 54 29 ou no enderezo electrónico estudos.turismo@xunta.gal

c) Presencialmente: Axencia de Turismo de Galicia, Área de Estudos e Investigación, estrada Santiago-Noia, km 3, 15897 Santiago de Compostela.

2. Para dúbidas relacionadas con dificultades técnicas na presentación de formularios por vía electrónica, poderán facer as súas consultas no teléfono de información 012 ou no correo electrónico 012@xunta.gal

AnteriorIr ao listadoSeguinte