Programa de avais para a adquisición de vivenda, e se dá publicidade ao convenio que se asinará entre este instituto e as entidades financeiras para a súa concesión para a anualidade 2026

Obxecto e réxime de concesión
1. Esta resolución ten por obxecto convocar o Programa de avais para a adquisición de vivenda para a anualidade 2026 (código de procedemento VI402B) e dar publicidade ao convenio a asinar entre o Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS) e as entidades financeiras para a concesión destes avais.
2. A concesión das garantías outorgadas en virtude desta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva, ata esgotar o crédito dispoñible previsto nesta convocatoria.
Obxecto e características do Programa de avais para a adquisición de vivenda
1. O Programa de avais ten por obxecto prestar unha cobertura temporal e financeira, de carácter persoal, para a adquisición da primeira vivenda por aquelas persoas que, na data de presentar a correspondente solicitude, teñan menos de trinta e seis anos. O límite de idade non será de aplicación no caso de tratarse da adquisición dunha vivenda cualificada definitivamente como vivenda de protección autonómica de réxime xeral, especial ou concertado.
2. O programa xestionarase en colaboración coas entidades financeiras que se adhiran a el a través da sinatura do convenio que figura no anexo I. Para tal fin, a partir do día seguinte da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG), calquera entidade financeira interesada, con oficinas abertas ao público en Galicia, poderá presentar ante a Dirección xeral do IGVS unha solicitude en que exprese o seu interese na subscrición do indicado convenio. Para estes efectos, deberá empregarse o formulario PR004A dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal/). A medida que se vaian asinando os convenios, o IGVS dará publicidade na súa páxina web das entidades financeiras adheridas a este programa.
3. De acordo co disposto no punto terceiro do ordinal sexto da Resolución do 17 de marzo de 2025, o importe máximo dos avais que se concederán nesta convocatoria será de cinco millóns de euros.
4. A garantía prestarase ata un 20 % do prezo de adquisición da vivenda ou, se é o caso, do seu valor de taxación, no suposto de que este sexa menor. En ningún caso se outorgará para garantir importes derivados de conceptos distintos aos indicados.
Cando a operación de financiamento con garantía hipotecaria sexa por un importe inferior ao prezo de adquisición da vivenda ou, de ser o caso, do seu valor de taxación, no suposto de que este sexa menor, a garantía prestarase ata un 20 % do importe da operación de financiamento con garantía hipotecaria.
5. A garantía só se prestará cando a operación de financiamento con garantía hipotecaria estea destinada á adquisición da primeira vivenda en propiedade da persoa solicitante e o dito financiamento comprenda, cando menos, o 80 % do prezo de adquisición ou, se é o caso, do valor de taxación, sen poder chegar a superar o 100 % do respectivo importe.
6. O IGVS encargarase de comunicar á entidade financeira a resolución de concesión do aval, a cal servirá de toma de razón para o seu outorgamento e para a formalización do correspondente contrato de préstamo con garantía hipotecaria.
7. Con carácter adicional ás causas legalmente previstas para a extinción de calquera afianzamento, a garantía do IGVS respecto de cada operación de financiamento quedará automaticamente sen efecto no momento en que os pagamentos do principal alcanzasen o importe avalado. A partir dese momento, o IGVS quedará totalmente liberado da obriga de facer fronte ao aval.
8. A garantía ten carácter finalista, de maneira que o importe do préstamo avalado debe destinarse ao pagamento do prezo da vivenda financiada. Para tal efecto, os pagamentos que realice a persoa beneficiaria á entidade deberán destinarse a pagar exclusivamente a débeda hipotecaria e non outra débeda que poida ter coa entidade financeira.
Requisitos para poder ser persoa beneficiaria do programa
1. Para poder ser beneficiaria do programa é preciso que na data da presentación da solicitude se cumpran os seguintes requisitos:
a) Que a persoa solicitante, que deberá ser quen vaia adquirir a vivenda, posúa a nacionalidade española ou a dalgún dos Estados membros da Unión Europea. En caso de persoas estranxeiras provenientes de países terceiros, estes deberán contar con autorización de estancia ou residencia en España. No suposto de que a vivenda a adquira máis dunha persoa, todas elas deberán cumprir este requisito.
b) Que a persoa solicitante sexa maior de idade e teña menos de trinta e seis anos no momento da presentación da solicitude. No suposto de que a vivenda a adquira máis dunha persoa, todas elas deberán cumprir este requisito.
O límite dos trinta e seis anos non será de aplicación cando se trate da adquisición dunha vivenda protexida.
c) No suposto de que se trate da adquisición dunha vivenda protexida, ser adquirente ou adxudicataria, en primeira ou sucesivas transmisións, e ter acreditado no correspondente expediente o cumprimento dos requisitos de acceso a unha vivenda protexida exixidos pola normativa reguladora destas vivendas.
d) Que a persoa solicitante estea empadroada en Galicia. No suposto de que a vivenda a adquira máis dunha persoa, todas elas deberán cumprir este requisito.
e) Que a persoa solicitante dispoña duns ingresos mínimos de 2 veces o IPREM e uns ingresos máximos de 5,5 veces o IPREM. A devandita porcentaxe máxima será do 6,5 veces o IPREM, se a vivenda a adquire máis dunha persoa. Nestes casos, os límites de ingresos mínimos e máximos sinalados aplicaranse tendo en conta a suma dos ingresos de todas as persoas adquirentes da vivenda.
Para estes efectos, partirase da contía da base impoñible xeral e do aforro, reguladas nos artigos 48 e 49, respectivamente, da Lei 35/2006, do 28 de novembro, do imposto sobre a rendas das persoas físicas (en diante, IRPF), correspondentes aos datos fiscais da/das persoa/s solicitante/s, correspondentes ao período impositivo con prazo de presentación vencido na data da solicitude.
Para os efectos da determinación do IPREM, computaranse os ingresos derivados da percepción pola/s persoa/s adquirinte/s das rendas que, en virtude da normativa reguladora do IRPF, estean exentas da declaración. Os citados ingresos complementaranse cos resultantes da base impoñible na consulta da declaración do IRPF, tendo a consideración de ingresos percibidos pola/s persoa/s adquirinte/s.
Para a valoración das solicitudes utilizarase o valor do último IPREM publicado na data da solicitude.
No suposto de adquisición dunha vivenda protexida, o requisito dos ingresos será o que se determine na correspondente normativa reguladora.
2. Así mesmo, para a obtención do aval é preciso que concorran os seguintes requisitos:
a) Que a vivenda para que se outorga a garantía estea situada na Comunidade Autónoma de Galicia e vaia ser destinada a ser a residencia habitual e permanente da/das persoa/s adquirente/s durante, cando menos, todo o período en que estea vixente a garantía.
b) No suposto de adquisición dunha vivenda protexida, a vivenda debe ter sido cualificada definitivamente como vivenda protexida de protección autonómica de réxime xeral, especial ou concertado na data de presentación da solicitude.
c) Que o prezo de adquisición da vivenda, sen os gastos e os tributos correspondentes, non supere os prezos indicados a continuación, segundo a zona territorial do concello en que se localice a vivenda, de conformidade co anexo II:
– Concellos correspondentes ao ámbito territorial de prezo máximo superior: 260.000 euros.
– Concellos correspondentes á zona territorial 1: 210.000 euros.
– Concellos correspondentes á zona territorial 2: 180.000 euros.
No suposto de vivendas protexidas de protección autonómica de réxime xeral, especial ou concertado, o prezo máximo será o previsto na cualificación definitiva.
3. Non se outorgará a garantía cando a vivenda que se pretende adquirir non vaia constituír a primeira vivenda en propiedade da/das persoa/s adquirente/s. Tampouco se outorgará o aval cando a/s persoa/s adquirente/s sexan propietarios/as ou usufrutuarios/as dunha vivenda en territorio español. Exceptuarase este requisito nos seguintes casos:
a) Cando o dereito recaese unicamente sobre unha parte alícuota da vivenda e se adquirise por herdanza ou mediante transmisión mortis causa sen testamento.
b) Cando non se dispoña da vivenda por causa de separación ou divorcio; situacións catastróficas ou situacións de violencia de xénero ou ameaza/vítima de terrorismo.
c) Cando a vivenda resulta inaccesible por situacións sobrevidas de dependencia ou discapacidade da/das persoa/s adquirente/s da vivenda ou dalgún dos membros da súa unidade de convivencia, cun grao de discapacidade recoñecido oficialmente igual ou superior ao 33 %.
Sexto. Prazo de presentación de solicitudes
1. O prazo de presentación de solicitudes comezará unha vez transcorridos cinco días hábiles da publicación da resolución no DOG. No suposto de que o primeiro día do prazo sexa inhábil, o prazo comezará o primeiro día hábil seguinte.
O prazo rematará o 30 de outubro de 2026 e, en todo caso, no momento do esgotamento do importe máximo de avais que se concederán no ano 2026, que se fixa en cinco millóns de euros. O dito esgotamento, en caso de producirse antes do 30 de outubro de 2026, farase público no DOG mediante resolución da persoa titular da dirección xeral do IGVS.
2. As solicitudes poderán presentarse desde as 9.00 horas do primeiro día de inicio do prazo ata ás 14.00 horas do 30 de outubro de 2026. Este prazo poderá ser ampliado mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, que deberá ser publicada no DOG.
3. As solicitudes presentadas fóra do prazo e do horario indicado serán inadmitidas.
Solicitudes
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, que se incorpora como anexo III a esta resolución.
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se algunha das persoas interesadas presentan a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emenden a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose presentada a emenda.
Para a presentación electrónica poderán empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. A solicitude, debidamente cuberta, deberá dirixirse á Dirección Xeral do IGVS.
3. Nos supostos de adquisición da propiedade da vivenda por máis dunha persoa, deberá presentarse unha única solicitude, en que se identificará a todas as que pretenden actuar como compradoras.
4. No formulario de solicitude a persoa solicitante deberá realizar as seguintes declaracións:
a) Declaración responsable de que nin a persoa solicitante nin as demais persoas adquirentes, no suposto de compravenda da vivenda por máis dunha persoa, solicitou ou obtivo ningunha axuda para a mesma finalidade. No caso de ter solicitado ou obtido algunha axuda, deberá indicar cales e a súa contía.
b) Compromiso de comunicar calquera axuda que lle sexa concedida a ela ou a calquera das persoas adquirentes para a mesma finalidade.
c) Declaración de que a vivenda que se pretende adquirir vai ser a súa primeira vivenda en propiedade, así como, de ser o caso, das demais persoas que adquiran a vivenda.
d) Compromiso de que a vivenda vai constituír a súa residencia habitual e permanente e das demais persoas adquirentes, no suposto de compravenda por máis dunha persoa, durante, cando menos, todo o período en que estea vixente a garantía.
e) Declaración responsable de que nin a persoa solicitante nin as demais persoas adquirentes, no suposto de compravenda por máis dunha persoa, son propietarias e/ou usufrutuarias dunha vivenda situada en España, agás os supostos exceptuados no punto tres do ordinal quinto.
f) Declaración responsable de que todos os datos da solicitude son certos.
Máis información:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260305/AnuncioC3Q2-250226-0004_gl.html
Instituto Galego da Vivenda e Solo











